A Eferro Foliada volta este sábado a Merza, Vila de Cruces (O Deza), para reunir nunha xornada dedicada á música tradicional galega a cultura popular do país. A iniciativa, vinculada ao universo da artesá zoqueira Elena Ferro, converterá por quinto ano consecutivo a eira do seu propio obradoiro, situado na parroquia de Merza, nun punto de encontro para a música e o baile. Nesta edición de 2026, as actividades comezarán ás 11 horas da mañá cunha completa feira de artesanía.
Seguirá unha sesión vermú coas actuacións do grupo As Estraloqueiras e de Mondra. Xa pola tarde, a partir das 15.45 h, o escenario será para que o público de todas as idades goce coa actuación da compañía Títeres Larraitz, a regueifa de Lupe e Manolo e Unha Señora Orquestra. Seguirá un obradoiro de baile a cargo de Chus Caramés e unha actuación sorpresa.
A festa continuará polo serán: actuarán Unto Vello, outra actuación sorpresa, Os Melidaos e Baiuca. A foliada rematará cun concerto do grupo de Cea (comarca do Carballiño) Feitizo de pau.
Actividade solidaria
A EFerro Foliada tamén ten outro ano máis a súa cara solidaria. Así, desde a organización, a través dun comunicado, informan de que "como cada ano vaise facer a recollida de calzado para doar aos servizos sociais do país". Con esta iniciativa, que conta co lema 'para que ninguén ande descalzo', a Eferro Folida procura "darlle utilidade ao calzado que temos na casa e ao que non lle damos uso".
O evento, que decorrerá durante toda a xornada, conta coa presenza dunha polbeira e a posibilidade de mercar tamén xantar no mesmo lugar para non ter que perder ningún momento das actuacións.
(0)Comments