O plan de saúde mental 2020-2024 recibiu un informe moi crítico do Consello de Contas, que concluíu, entre outras cuestións, que as listas de agarda non se reduciran e que o número de profesionais estaba moi lonxe das ratios recomendadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Non se coñece que nin a Consellaría de Sanidade nin a Xunta da Galiza fixesen público un balance dese plan.
O que si fixeron foi presentar esta terza feira publicamente un novo plan de saúde mental para o período 2026-2030. Xosé Berdullas, secretario do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), afirma que actualmente o número de profesionais de Psicoloxía Clínica, ao redor de 200, era o que se consideraba como necesario "no ano 1997" para as necesidades daquela sociedade. "40 anos despois seguimos nos mesmos números, mais as necesidades e demandas aumentaron e mudaron moitisimo", polo que esa cifra é actualmente insuficiente e debería chegarse até un mínimo de 330.
O novo plan presentado pola Consellaría de Sanidade fala de 124 novos profesionais entre psiquiatras e psicólogos —"non sabemos como se van repartir", sinala Berdullas— co que a cifra en Psicoloxía Clínica manteríase por baixo das recomendacións da OMS, entre 13 e 15 profesionais por cada 100.000 habitantes. Berdullas recoñece que este plan é "un paso na dirección correcta, un impulso que valoramos positivamente" mais lembra que se vén dunha situación "moi mala, con décadas de atraso en saúde mental, polo que seguimos por detrás de onde deberiamos estar".
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia foi unha das entidades ás que a Consellaría remitiu o borrador do plan de saúde mental para a súa revisión. Un indicador da situación actual da saúde mental é que ao feche de 2025 había na Galiza máis de 7.000 persoas esperaban por unha cita de saúde mental no sistema sanitario público da Galiza.
Pola súa parte, Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica e voceira do Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM), lamenta que non houbese unha "avaliación" do anterior plan e que se careza dos estudos e ferramentas necesarias que permitan ter "unha foto real da saúde mental actualmente na Galiza".
Cerqueiro considera que un plan de saúde mental "non pode ser un simple plan de reordenación de recursos" e que precisa marcarse "obxectivos, como que vai reducir determinadas prevalencias, como a ansiedade, por exemplo". A portavoz do MGSM considera que "está ben" que Sanidade anuncie aumento de persoal para a saúde mental, "mais con iso non chega".
Eixos básicos
O conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, subliñou pola súa parte que o plan supón un salto importante en canto a "investimento, profesionais e capacidade asistencial", posto que conta cun orzamento de máis de 177 millóns de euros, máis do dobre que o plan anterior, e suporá a incorporación de novos profesionais de saúde mental, dos que 101 xa se incorporarán ao Servizo Galego de Saúde no ano 2027.
(0)Comments