SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Sep. (EUROPA PRESS) -
O secretario xeral e portavoz do grupo parlamentario socialista, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "alimentar" durante todo o verán a "ofensiva" que deixa sen voto a netos da emigración.
Nun comunicado remitido aos medios, o xefe de filas do PSdeG expresou a súa desconformidade coa resolución do Tribunal Supremo, que suspende de forma cautelar a inscrición no Censo Electoral de Residentes Ausentes das persoas que accederon á nacionalidade española a través da Lei de Memoria Democrática, coñecida como Lei de Netos. "Discrepamos dunha resolución que, de feito, crea a categoría de cidadáns españois sen dereito a voto", afirmou.
Besteiro sinalou que a emigración galega "está hoxe absolutamente decepcionada e doída" por unha decisión que afecta os dereitos dos seus descendentes. "Estamos ante unha aspiración que todos os emigrantes comparten e ante unha decisión xudicial que lles toca unha seguridade que crían gañada. Non a entenden, e teñen motivos para non entendela", engadiu.
Besteiro asegurou que a deste martes é unha "xornada triste para a emigración". "E a responsabilidade de Feijóo e de Rueda é indiscutible: alimentaron isto durante todo o verán", afirmou.
O socialista asegurou que Feijóo abriu a ofensiva a finais de xuño ao acusar o Goberno de alterar o censo e ameazar con derrogar a Lei de Memoria Democrática, unha actitude que "Rueda secundouna ao día seguinte ao esixir unha conexión real con España" a pesar de que non figura en ningunha lei.
Ademais, sinala que en xullo o PP levou ao Ministerio de Xustiza unha petición para frear o censo case idéntica á que xa presentara Vox. "Sementaron a sospeita sobre dereitos que xa estaban recoñecidos, e estas son as consecuencias", engadiu.
Besteiro, ademais, reprochoulle a Feijóo que reaccionado á decisión do Supremo cun "tiñamos razón". "Que celebre hoxe que haxa miles de galegos do exterior sen poder votar di todo o que lle importa a emigración. Iso non é ter razón, é ter unha débeda coa diáspora que non vai poder pagar en Buenos Aires nin en Montevideo", afirmou.
O dirixente socialista lembrou que hai apenas mes e medio percorreu Arxentina e Uruguai, onde se reuniu coa colectividade galega no Centro de Betanzos e no Centro Galicia de Buenos Aires e con entidades e familias da diáspora en Montevideo.
"Díxenllo alí e repítoo hoxe aquí: nin un paso atrás. Estes dereitos non son unha concesión nin un privilexio, son unha reparación", indicou para asegurar que acatan, pero que "non deixarán de defender os dereitos da emigración".
Besteiro lembrou, así mesmo, que se trata dunha medida cautelar e non dunha sentenza, e que tanto a Avogacía do Estado como a Fiscalía defenderon ante o Supremo o dereito fundamental ao voto destas persoas. "Queda proceso por diante e imos estar alí, como estivemos sempre", indicou.
Así o trasladou despois de que a Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo estimase as medidas cautelares que reclamaban a ultradereita de Vox e Iustitia Europa nos seus recursos contra o acordo adoptado en xullo pola Xunta Electoral Central.
O PSdeG sinala que aínda que a decisión non retira a nacionalidade a ninguén, deixa en suspenso a incorporación ao censo, excepto para quen acredite documentalmente ser fillo ou neto de exiliados, mentres non haxa sentenza.
(0)Comments