Un gol de Starfelt valeu para que o Celta igualara o seu terceiro encontro ligueiro da campaña. O partido foi un claro exemplo no que a posesión sen profundidade non ten sentido. O Celta amasou a pelota canto quixo, incluso case tres cuartas partes do primeiro tempo, pero chegou ao descanso en desvantaxe por un gol afortunado do uruguaio Satriano. No comezo do segundo período, o central noruegués cabeceou o empate. Na parte final, cun home máis pola expulsión do local Romero, o Celta non soubo materializar a remonta.
A posesión sen último pase non ten sentido
Un Celta máis recoñecible no xogo comezou o partido no Coliseum cunha mellor presión e máis toque na parcela inimiga. O Getafe non tivo problemas para contrarrestar a perda do coiro cunha liña de cinco defensas, nun debuxo moi do gusto de Bordalás, que cumpría 350 partidos como técnico da máxima categoría. No Ceta, Hugo González tivo outra vez a confianza de Giráldez malia súa mala estrea contra o Athletic e o valenciano cumpriu.
A primeira incidencia do xogo foi desgraciada para os locais, Kiko debeu retirarse lesionado cando se cumpría o sétimo minuto. Dous máis tarde, un drible con saída ante Gudelj deu espazo desde a divisoria a Hugo González, que xutou desde lonxe procurando a complicidade do bote, pero Soria estirouse e desviou pola liña de fondo. O meta fora homenaxeado na saída ao campo por cumprir 193 titularidades consecutivas.
A inmediata resposta deuna Ramón Terrats, que aproveitou un erro de Starfelt. O central tivo a capacidade física necesaria para corrixir a súa falta de medida no saque de Soria e presionou o lanzamento errado do local.
O Getafe adiantouse no minuto 21 grazas a un saque de esquina. Hugo González non ollou como lle caía enriba a pelota e Satriano, na traxectoria do balón solto, desviou coa biqueira á rede.
O Celta aumentou o dominio, pero sen atopar espazos. Polo contrario, o Getafe, pregado, atopou solucións cos espazos e puido subir o segundo cun xute de Mario Martín logo do roubo en campo céltico de Satriano.
O primeiro tempo rematou cun inútil 72 por centro de posesión céltica e un tiro menos a porta que o cadro local, moito mais pragmático e resolutivo.
Superioridade malgastada
O Celta non demorou en chegar por primeira vez á área rival no segundo tempo. Pablo Durán, de costas á porta, rematou como puido unha pelota que pasou a rentes do pau.
En tres minutos respondeu Satriano cun xute en condución que tamén deixou brisa xunto ao pau dereito da meta de Radu.
No minuto 56, Hugo González e Starfelt puideron resarcir o que tiveran de culpabilidade no gol local. Nun saque de esquina pola dereita do ataque, o atacante centrou un balón moi tenso, Mojica saltou, pero non chegou, e Starfelt, no primeiro pau, meteu a cabeza para furar a meta de Soria.
O Celta tomou vantaxe numérica pola expulsión de Romero cun cuarto de xogo por diante. O arxentino derrubou a Hugo González en tres cuartos nunha entrada innecesaria cando non tiña opción de chegar ao coiro e tendo un cartón amarelo previo. A continuación, Giráldez refrescou o ataque dando entrada ao recuperado Borja Iglesias, que gozou dos seus primeiros minutos da temporada e como campión do mundo.
O Celta volveuse máis incisivo e Hugo González, en inmellorable posición, perdoou a virada nunha cabezada que salvou Soria. A continuación foi Sergio, a centro de Javi Rueda, quen rematou alto.
No minuto 77, unha subida de Andrés García quebrou pola dereita as liñas celestes, pero o seu centro recorreu a área pequena sen ser tocado por alguén. O Celta volveu ao ataque, Driouech provocou a atención de rivais nunha condición cara á área, cedeu en horizontal para Miguel, pero o de Gondomar xutou alto.
Malia a vantaxe numérica, incluso de dous homes cando Mario Martín debeu ser atendido fóra do rectángulo, o Celta non foi quen de atopar máis ocasións claras de gol para asinar a primeira vitoria da temporada. No quinto partido, terceiro punto por mor de tres igualadas traendo a lembranza o comezo da campaña anterior.
Ficha
LUNS 07/09/2026 (19,00) Campo: COLISEUM (11.564)
GETAFE C.F. : 1 – R.C. CELTA : 1 (1‑0)
GET : Soria; Kiko (Andrés García 7'), Gudelj, Djené, Romero, Mojica; Ramón Terrats (Óscar López 89'), Mangala (Boselli 89'), Mario Martín; Ünal, Satriano (Iván Azón 72'). Tre. Pepe Bordalás. (Banco: Letácek (g); Ferrer (g); Davinchi; Moha; Sazonov; Valou; Ibra; Mayoral).
CEL : Radu; Yoel, Starfelt, Marcos Alonso; El-Abdellaoui (Driouech 64'), Moriba, Miguel, Javi Galán (Javi Rueda 64'); Iago Aspas (Sergio 64'), Pablo Durán (Borja Iglesias 68'), Hugo González (Jutglà 82'). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Bayindir (g); Cáceres: Núñez; Javi Rodríguez; Burcio; Hugo Álvarez; Swedberg).
Goles: 1-0 Satriano 20'; 1-1 Starfelt 56'.
Árbitro: Soto Grado (A Rioxa). Auxiliares: Becerril Gómez e Alonso López. 4° árb.: Clemente Ortuño.
VAR: Figueroa Vázquez. AVAR: Trujillo Suárez.
Disciplina: CA: Mojica 45'; Starfelt 76'; Marcos Alonso 85'; Ramón Terrats 85' // DA: Romero 54' e 67'.
(0)Comments