"Marchan felices, sas e contentas": 306 crianzas saharauís despídense da Galiza despois dun verán de Vacacións en Paz

"Marchan felices, sas e contentas": 306 crianzas saharauís despídense da Galiza despois dun verán de Vacacións en Paz
View on original source
Category: Blend
Share
Archive
Like
O aeroporto de Peinador, en Vigo, despediu esta segunda feira as 306 nenas e nenos saharauís que pasaron o verán na Galiza, acollidos por familias galegas. As Vacacións en Paz 2026 chegaron á súa fin despois de dous meses. Máis de trescentas crianzas regresaron aos campamentos de refuxiados de Tinduf, onde viven no exilio coas súas familias. O programa, promovido por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e coordinado pola Asociación Galega de Axuda ao Pobo Saharauí en colaboración coa República Árabe Saharauí Democrática, desenvólvese desde hai 36 anos. O seu obxectivo é evitar que as crianzas saharauís dos campamentos de Tinduf estean expostas ás condicións climáticas extremas do verán, cando as temperaturas superan os 50 °C. Aliás, outras finalidades do programa son facilitar as revisións médicas das crianzas saharauís, garantirlles unha alimentación equilibrada e reforzar o coñecemento da lingua, que xa estudan nos seus centros educativos. Neste sentido, se é necesario, prolóngase a estadía das crianzas para que poidan recibir tratamento médico, segundo lembraron a este xornal desde a organización das Vacacións en Paz. Desde Sogaps sinalaron a Nós Diario que, a pesar da despedida, esta segunda feira foi "un día feliz" porque "as crianzas marchan felices, sas e contentas por se reuniren de novo coas súas familias e por poderen contarlles todas as experiencias que viviron no verán". Sogaps tamén quixo lembrar que en novembro fixéronse 50 anos da Marcha Verde, coa que Marrocos invadiu o Sáhara Occidental. Desde aquela, o pobo saharauí continúa vivindo en campamentos de refuxiados, a pesar de que "a ONU dixo que debería celebrarse un referendo de autodeterminación, un referendo que o pobo saharauí segue a agardar, que é a única solución xusta para o conflito e que aínda hoxe non se celebrou". "Estes nenos e nenas son embaixadores da súa causa e conseguen que non nos esquezamos dela aquí", reivindicaron desde Sogaps. Máis solidariedade Ao longo destes 36 anos de Vacacións en Paz, chegaron á Galiza perto de 8.000 nenas e nenos saharauís, acollidos por 7.000 familias galegas de 263 concellos. Estes datos son celebrados por Sogaps, mais a entidade quere aumentalos nos vindeiros veráns. Así, a asociación xa comezou a traballar a partir de hoxe nas Vacacións en Paz 2027.

(0)Comments

 

A note on cookies

Newshunt uses essential cookies to keep you signed in and to remember your language and country, so the site works the way you expect. With your permission, we'd also like to use analytics cookies to understand how people use Newshunt and improve it over time.

Accepting only affects analytics. To learn more, view our Privacy Policy or Terms & Conditions.