Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, compareceu hoxe ante o Parlamento de Galicia para dar conta das novidades do novo curso escolar que arranca mañá e que se caracteriza polo avance e consolidación das medidas incorporadas no Acordo de mellora cos sindicatos como é o avance da mellora estrutural, o reforzo do profesorado e a baixada de ratios así como con novos apoios ás familias, aos alumnos e aos centros educativos co obxectivo de blindar a calidade e a igualdade de oportunidades.
De feito, malia un contexto de caída demográfica en todas as etapas, con 4.617 menos alumnos con respecto ao curso pasado e unha perda acumulada de case 22.500 alumnos na última década, o ensino galego acada este curso un novo récord de profesores nas aulas. A falta de pechar os últimos axustes, serán 900 máis só en Secundaria, 150 deles especialistas en atención á diversidade, derivados da aplicación do Acordo de mellora.
Román Rodríguez subliñou que nesta lexislatura Galicia está impulsando 'a que é a maior transformación do ensino galego nos últimos 30 anos' cun proceso de modernización organizativa e educativa en áreas fundamentais como son a calidade, a inclusión, a atención á diversidade, a convivencia e o benestar, a innovación, o reforzo da profesión docente e o apoio ás familias, entre outros. Efectos negativos da LOMLOE
Segundo Román Rodríguez, os pasos que se deron nos últimos anos 'cun gran esforzo' en canto a planificación, ordenación e incremento de recursos para a mellora continua da educación garantiron e demostraron 'a fortaleza' de Galicia, pese aos efectos negativos da LOMLOE, que se mostran no contexto xeral de deterioro de resultados PISA no conxunto de España, que acaban de facerse públicos. 'En Galicia situámonos por riba das medias estatais de referencia das tres competencias analizadas: matemáticas, ciencias e comprensión lectora. E seguimos sendo líderes en equidade', explicou o conselleiro.
Non obstante, advertiu que 'non nos gustan estes datos' e, por iso, apelou a que 'non se pode seguir mirando para outro lado' e reclamou que é necesario 'unha nova lei educativa de inmediato, que volva a poñer a calidade e os resultados no centro da educación'.
Pola súa banda, sinalou que Galicia traballa na 'mellora continua', con todas as propostas 'que sexan necesarias', en moitos casos inéditas e pioneiras, para reforzar as bases do sistema 'que non son outras que conseguir que o alumnado se forme e adquira os coñecementos e as competencias básicas para o seu desenvolvemento'. Novo plan de reforzo extraescolar
A este obxectivo responden dúas novas medidas que se van poñer en marcha xa desde o vindeiro mes de outubro: o programa de reforzo educativo extraescolar e o desenvolvemento de plans integrais de mellora específicos de centro. No primeiro dos casos, trátase dunha nova acción dirixida ao alumnado de 6° de Primaria que máis o precise, co obxectivo de facilitarlle a transición á etapa de Secundaria. O reforzo centrarase, sobre todo, nas áreas de competencia lectora e matemáticas, aínda que tamén abordará cuestións como os hábitos de estudo; e realizarase fóra do horario lectivo, en grupos reducidos e, preferiblemente, nos propios centros.
A segunda proposta facilitará a identificación de dificultades para que os centros poidan desenvolver plans de mellora acordes coas súas necesidades. Para iso teranse en conta os resultados das avaliacións de diagnóstico. Liderado en proxectos pioneiros
Na súa intervención, Román Rodríguez tamén debullou o liderado de Galicia en iniciativas pioneiras e que 'crean escola', con propostas que permitiron anticiparse ás novas realidades nas aulas e que agora están a imitar desde outras partes.
O punto de partida é o Acordo de Mellora asinado en 2023 que 'conforma a base da modernización organizativa que vimos despregando de maneira progresiva desde os últimos tres cursos', abondou o conselleiro. Froito da aplicación desta folla de ruta, Galicia emprendeu o camiño da baixada de ratios de 25 a 20 alumnos que xa está vixente en toda a etapa de Infantil neste curso 2026/27 e que o vindeiro curso se iniciará en Primaria, e consolidouse una medida pioneira como a ponderación de alumnos con necesidades a efectos de ratios, o que reforza unha mellor atención á diversidade.
Este ano dáse un novo impulso ao acordo coa reconfiguración do horario do profesorado en Secundaria e comeza o despregamento do Plan para o impulso da atención á diversidade dotado con 118M€, que vai vinculado a un incremento de 400 profesionais especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe e Orientadores, 300 deles (100 PT e 50 orientadores para Secundaria e outros 150 PT e AL consolidados en Infantil e Primaria) incorporados ás aulas este curso. En total, falamos dunha rede de 5.000 profesionais de atención á diversidade, o dobre que hai 15 anos. Neste senso, o conselleiro incidiu na inclusión como 'un eixo prioritario da acción da Consellería" que coloca a Galicia líder a nivel estatal. Igualdade de oportunidades e apoio ás familias
A Consellería de Educación tamén seguirá traballando para blindar a igualdade de oportunidades como selo de identidade do sistema educativo galego. De feito, PISA acaba de referendalo como o máis equitativo de toda a OCDE. Isto é, que o éxito do alumando non depende do seu contexto social ou económico, senón do esforzo e do traballo, cuestión que se garante co 'reforzo das medidas de atención educativa, co mantemento dos servizos no rural; e, por suposto, axudando ás familias', abondou o conselleiro.
Precisamente, este curso, a Xunta destina máis de 145M€ a arredor de 422.000 apoios ao alumnado, cun sistema transversal desde Infantil ata a Universidade tanto a través de axudas directas, como as destinadas á compra de libros e material escolar, ou mediante servizos complementarios como o comedor e o transporte escolar. Consolidación do ensino híbrido
Outro dos eixos de traballo para os próximos anos é a dixitalización e as novas tecnoloxías no ensino, nos que Galicia tamén vai por diante coa futura Lei de Educación Dixital, que se atopa en trámite parlamentario coa previsión de aprobala antes de que remate o ano.
A través desta normativa, inédita no conxunto do Estado, a Xunta vai establecer un marco claro de dereitos e deberes no eido dixital onde os alumnos aproveiten as oportunidades das novas tecnoloxías e obteñan as competencias necesarias, afondando así na consolidación do ensino híbrido, sen renunciar ao libro e ao papel. Paralelamente tamén se avanza na implantación de EdugaIA, unha ferramenta que permitirá aproveitar a I+D+i para mellorar as tarefas de xestión educativa, loitar contra o abandono escolar e apoiar a toma de decisións de orientación educativa. Prestixiar a profesión docente
Na súa intervención, Román Rodríguez explicou que o seu departamento vai seguir dando pasos para reforzar o prestixio da profesión docente, así como a autoridade do profesorado e dos equipos directivos. Reclamou ao Goberno central o deseño dunha nova carreira profesional que blinde a calidade e dote ao profesorado das ferramentas necesarias ante os novos desafíos nas aulas. 'Os docentes son o piar do sistema e, por iso, é imprescindible que se avance nunha reforma transversal que aborde a formación inicial, a formación para o acceso á docencia e a formación continua'.
Desde Galicia a aposta polo profesorado tradúcese nunha reconfiguración dos seus horarios, de xeito que dispoñan de máis tempo de atención ao alumnado, e en melloras salariais e de conciliación. Así mesmo, estase despregando un Plan de redución da burocracia nos centros, tal e como demandaban, e estase ultimando a posta en marcha da Oficina de Atención ao Profesorado para darlles un servizo integral de asesoramento e acompañamento ante posibles agresións.
No eido da Formación Profesional, este curso avanzaremos nas primeiras pasarelas de convalidación de créditos entre a Universidade e a FP, que ata o de agora só existía en sentido inverso. E no primeiro trimestre de 2027 está previsto elevar ao Consello da Xunta o texto da nova Lei de aprendizaxe permanente para persoas adultas.
(0)Comments