A voceira do goberno local, Míriam Louzao, anunciou este luns en rolda de prensa a reapertura ao tráfico da rúa das Rodas, autorizada pola xunta de goberno municipal, logo da actuación e do corte de tráfico necesario para construír un paso peonil elevado de acceso á escola infantil A Galiña Azul.
A rúa, que durante un mes será só de circulación en sentido de baixada cara á Virxe da Cerca, reabriu este luns ao mediodía co inicio do curso escolar. Este mes de proba coa rúa con sentido único de circulación foi comunicado hai uns días polo concelleiro de Mobilidade, Xan Duro.
Esta decisión implica que a circulación en dirección a San Roque e San Caetano deberá facerse a través da rúa Valle-Inclán. Un cambio que xa levantou críticas e protestas dende a ANPA (Asociación de Nais e Pais) do colexio La Salle, que teme un «colapso» de tráfico nunha das zonas con maior densidade de circulación, como é a contorna na que se sitúa o centro escolar.
A concelleira Míriam Louzao ratificou na súa comparecencia de prensa do luns que o goberno local mantén a decisión do sentido único de circulación nesta rúa, remitindo ao departamento de Mobilidade.
(0)Comments