A CIG denuncia que Educación comezará o curso con 1.150 vacantes docentes sen cubrir

A CIG denuncia que Educación comezará o curso con 1.150 vacantes docentes sen cubrir
View on original source
Category: Blend
Share
Archive
Like
A CIG-Ensino asegura que, na véspera do inicio do curso escolar, a Consellería de Educación mantén arredor de 1.150 vacantes docentes sen cubrir. O sindicato critica que, mentres o conselleiro, Román Rodríguez, e o resto de membros da Xunta "se afanan por dar sensación de normalidade no inicio do curso con vídeos e propaganda", a realidade nos centros educativos "é ben distinta". Segundo a organización sindical, ao mediodía desta terza feira quedaban aínda 388 vacantes do corpo de Mestres sen adxudicar e 649 do corpo de Secundaria, polo que os centros terán que abrir as súas portas esta cuarta feira e iniciar a actividade lectiva en horario habitual sen contar con todo o persoal necesario. A CIG-Ensino tamén alerta de que volve haber un número "moi elevado" de vacantes a media xornada, un fenómeno que, segundo denuncia, aumenta cada ano e precariza as condicións laborais do profesorado, especialmente ante o elevado custo da vivenda e do combustíbel. O sindicato explica que, desde finais de agosto, os centros foron comunicando as vacantes necesarias para poder iniciar o curso con normalidade. Moitas delas derivan de situacións de incapacidade temporal ou de permisos, fundamentalmente de maternidade e paternidade, das persoas titulares das prazas, aínda que tamén existen necesidades que, segundo a CIG, non foron atendidas pola Administración durante o verán. Así, na aplicación da Consellería que xestiona as substitucións figuraban ás 13.00 horas deste martes un total de 1.148 vacantes sen cubrir, a maioría correspondentes aos corpos de Secundaria e ao resto de ensinanzas postobrigatorias. Nese momento, engade o sindicato, xa foran cubertas outras 817 prazas, maioritariamente de Infantil e Primaria. A CIG-Ensino sinala tamén que nestes días numerosas persoas substitutas se dirixiron ao sindicato para expresar o seu malestar polos atrasos nas chamadas para cubrir estas situacións. "Hai que ter en conta que desde o momento en que se lles adxudica unha vacante dispoñen de 24 horas para tomar posesión no centro", explica a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, que considera que este colectivo é "o gran esquecido pola Administración". Por todo isto, o sindicato reclama á Consellería que axilice ao máximo as chamadas para garantir que o alumnado estea atendido desde o primeiro día e que os equipos directivos poidan planificar con antelación o envío de información e as reunións coas familias, así como realizar as tarefas burocráticas propias do inicio do curso. A organización nacionalista lembra ademais que durante a negociación do calendario escolar insistiu en que o curso "comeza cada vez antes" e en que non todas as etapas están preparadas para este adianto. "De feito", apunta, "a propia Consellería a día de hoxe non adxudicou ningunha vacante no corpo de Profesorado Especialista de Sectores Singulares da FP", unhas ensinanzas nas que o prazo de matrícula permanece aberto até o 25 de setembro. A CIG engade que tampouco se cubriron, ou apenas se cubriron, vacantes nos conservatorios, Escolas Oficiais de Idiomas e Escolas de Artes. "Mentres se nega a aceptar un inicio escalonado no tempo, na súa propia xestión de recursos humanos prioriza unhas etapas sobre outras e, polo tanto, haberá centros que non conten co persoal que precisan até ben entrado o mes de setembro", denuncia o sindicato. Por último, a CIG-Ensino denuncia o incremento das chamadas "medias interinidades", prazas a media xornada que, segundo sinala, implican salarios moi baixos para facer fronte aos prezos do alugueiro na maior parte das cidades e vilas galegas ou aos custos do transporte.

(0)Comments

 

A note on cookies

Newshunt uses essential cookies to keep you signed in and to remember your language and country, so the site works the way you expect. With your permission, we'd also like to use analytics cookies to understand how people use Newshunt and improve it over time.

Accepting only affects analytics. To learn more, view our Privacy Policy or Terms & Conditions.