O Concello abrirá nos próximos días a nova vía que mellora a conexión e o acceso ao CEIP San Pedro de Visma.
A alcaldesa, Inés Rey, percorreu hoxe o polígono residencial de San Pedro de Visma supervisando as obras de urbanización e todas as melloras urbanas que están a levarse a cabo dentro deste proxecto a grande escala para revitalizar unha zona que nos próximos anos terá un grande aumento de poboación, coa chegada de máis de 3.600 novas vivendas -1.000 delas de Protección Oficial-.
«Esta urbanización a grande escala crea unha nova contorna urbana na cidade, con todos os servizos e equipamentos para a veciñanza e coa habilitación de máis de 90.000 metros cadrados de espazos ao aire libre, 86.000 metros cadrados de rede viaria, sendas peonís e carrís bici e case 50.000 metros cadrados reservados para equipamentos municipais», subliñou Inés Rey. Actualmente estanse edificando máis de 300 vivendas, e moi pronto arrincarán os primeiros proxectos de vivendas protexidas.
A visita, na que estivo acompañada polo primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, e polos concelleiros Juan Ignacio Borrego, Jesús Celemín e Montse Paz, comezou fronte ao CEIP San Pedro de Visma, unha das zonas melloradas pola urbanización e remodelación. O colexio conta cunha nova vía que mellora o acceso e a conexión, que se remodelou para dar continuidade e conectar o acceso ao resto da contorna.
Esta nova vía está composta por dous tramos. Un primeiro tramo que parte da rúa Río e presenta unha sección dun carril por sentido de 3,25 metros de ancho, aparcamentos verdes en liña, beirarrúas de 3 metros, carril bici e zonas axardinadas. A continuación deste primeiro tramo, conéctase co CEIP mediante unha vía con sección de dous carrís de 3,25 metros cada un e beirarrúa de 2 metros de ancho.
O Concello tamén está traballando para habilitar novos estacionamentos que dean cabida á futura afluencia de coches que haberá nesta zona, por exemplo coas máis de 80 novas prazas para aparcar vehículos ao longo da vía que conecta o Ágora con Mariñeiros. A transformación do polígono tamén suporá a creación dunha ampla bolsa de estacionamento en superficie -cando finalicen as obras de urbanización teranse creado 1.784 novas prazas de estacionamento en superficie, ademais de 289 nun novo aparcadoiro público municipal-, fundamentais para facilitar o estacionamento en Visma, onde os edificios residenciais xa contarán, ademais, con garaxes propios.
Así mesmo, están a se executar os traballos de urbanización da Terceira Rolda, tamén incluídos nas obras de urbanización. Nestes momentos están a realizarse labores de pavimentación. Os traballos de execución das novas beirarrúas, novos aparcamentos e carril bici, nesta zona, están finalizados. A previsión é abrir nos próximos días as dúas calzadas da Terceira Rolda cun carril habilitado en cada sentido. Esta urbanización permitiralles a todas as súas vivendas e a súa contorna unha ligazón directa e eficaz á saída da cidade, cara aos municipios veciños, ao aeroporto e ás áreas industriais.
A previsión, segundo confirmou a alcaldesa, é abrir nos próximos días o paso pola rotonda da Terceira Rolda cun carril habilitado en cada sentido. Manteranse sen circulación os carrís máis próximos á mediana durante 2 semanas para rematar os traballos pendentes. En paralelo á urbanización tamén se están a executar obras de rehabilitación e posta en valor da Arqueta dos Frades.
«A día de hoxe, o avance das obras de urbanización é dun 74% aproximadamente. Creo que é evidente que o Concello fixo un bo traballo nesta parte da cidade, traballando rápido e construíndo un espazo onde as familias poidan desenvolver os seus proxectos de vida», engadiu Inés Rey.
Espazo lúdico deportivo no parque Adolfo Suárez
Tamén na zona, o Concello comezou recentemente as obras do espazo lúdico deportivo no parque Adolfo Suárez, cun investimento no proxecto de máis de 445.000 euros. Habilitaranse neste espazo novas áreas de xogo con gran variedade e moita oferta lúdica para nenos e nenas, con zonas arboradas para xerar sombra.
Haberá ademais unha pista multideporte con céspede artificial, que terá un valado de protección de 4,5 metros de alto para evitar que os balóns escapen. O complexo contará tamén con novas zonas biosaudables para practicar deporte ao aire libre, desde bancos de abdominais ata bicicletas elípticas ou zonas de estiramento.
«En definitiva, imos darlle a esta zona da cidade unha nova vida, investindo na revitalización de Visma non só para a moita veciñanza que está por chegar, senón por toda a que xa vive na contorna e merece os mellores servizos», rematou Inés Rey.
(0)Comments