Chega un día en que os pais xa non se apañan sós na casa. Ao principio o fillo queda a durmir algunha noite, a filla vén as fins de semana e o veciño bota unha man. Ata que iso xa non abonda e á familia non lle queda máis remedio que sentar na cociña, coa mesa sen recoller, a falar do que levaban meses evitando, que é a palabra residencia. Se queda preto ou lonxe, quen os vai ver os xoves, quen pide o día libre. No fondo ninguén escolle. Cóllese o que hai e moitas veces nin hai, porque alguén decidiu hai tempo.
O mercado, necesario para quen poida e queira pagalo, pero excesivamente alimentado por unha Xunta que se supón de todos e todas, tamén sabe contar. Fai os seus números, mira un mapa cheo de curvas e de parroquias de trinta veciños e vaise polo mesmo sitio por onde veu. Non hai negocio en coidar persoas maiores sen moitos ingresos a unha hora da autovía. E onde non hai negocio, ou vai o público ou non vai ninguén, pero miran cara outro lado.
A Deputación de Lugo, sen máis obriga que a responsabilidade política fronte a un abandono programado desde San Caetano, apostou polo público. Cando remate este mandato levará investidos corenta e sete millóns na súa rede provincial. Nove residencias abertas, preto de catrocentas persoas atendidas e outros nove proxectos andando.
Ourol, Cervantes, Pantón, A Pobra do Brollón ou A Pontenova non foron escollidos por casualidade. Son lugares onde a alternativa era marchar, que é rematar a vida a cen quilómetros da casa entre xente que non sabe o teu nome. Non é un servizo máis, é a diferenza entre envellecer con dignidade e ser desterrado.
Se o pensamos ben, nun concello pequeno onde pechou o banco, a escola e a última tenda, unha residencia adoita ser o único que abre e contrata. Cociñeiras, auxiliares, mantemento, xente nova que non ten que coller a maleta. Falan de gasto social pero resulta que é a mellor política contra o despoboamento que temos.
E si, despois de oito anos actualizáronse os prezos públicos das nosas residencias. Cada quen achega segundo a súa capacidade económica. A un de cada catro usuarios a suba non chegou aos sesenta euros ao mes. Quen menos ten, menos paga. Non hai máis misterio, por moito que haxa quen pasee a cifra máis rechamante e agoche a conta enteira.
Todo isto faino unha Deputación con cento trinta e cinco millóns para todo, estradas incluídas. A Xunta manexa mil catrocentos setenta e tres só para servizos sociais, e as competencias en dependencia son súas, non nosas.
Por iso non me cabe na cabeza que o PP esixa residencias e lle poña deberes á Deputación a sabendas de que non lle toca, e pola contra non se atreva a pedirllas á Xunta, responsable máxima na materia pero que leva dúas décadas sen construír unha soa nesta provincia e sen poñer un can. E aínda por riba agora querer cortar a cinta. Pois vai ser que non, pero cousas veredes.
(0)Comments