O telescopio da nasa Nancy Grace Roman Sydney Rohde (Rocz) | EFE
A NASA lanzou o domingo o telescopio espacial Nancy Grace Roman para observar o Universo dende fóra da Terra. Os primeiros empezaron a lanzarse nos anos sesenta para evitar os problemas de transparencia que causa a atmosfera. O máis famoso foi o Hubble, lanzado en 1990, que orbita a Terra a uns 475 km de altura. Un telescopio no que tivo un rol importante o físico de orixe galega (da Costa da Morte) Raymond Soneira. Curiosamente, no lanzado este domingo tamén tivo un rol destacado a física viguesa Begoña Vila. O Nancy Grace Roman non vai orbitar a Terra, senón o Sol: 1,5 millóns de km máis afastado do Sol ca nós, no chamado punto L2 de Lagrange. Que ten de especial ese punto? Ao estar máis lonxe do Sol, o tempo que lle levaría orbitar ao seu redor sería maior ca o da Terra: a Terra iríao deixando atrás pouco a pouco. Pero ese punto L2 está colocado en liña coa Terra e o Sol e así a atracción gravitacional terrestre súmase á solar. Grazas a iso, un obxecto situado aí pode moverse rápido dabondo para acompañar a Terra arredor do Sol e completar tamén unha volta por ano. Como se calcula ese punto? Resolvendo o chamado problema restrinxido dos tres corpos: Sol e Terra interactúan entre eles, e un terceiro corpo, moito máis pequeno, móvese baixo a súa influencia. O problema xeral dos tres corpos non ten solución matemática simple (de feito é caótico: pequenas diferenzas iniciais producen evolucións moi distintas). Con todo, hai solucións particulares, coma os puntos de Lagrange, que permiten colocar telescopios en lugares privilexiados para observar o universo.
(0)Comments