El presidente Pedro Sánchez durante la sesión plenaria del 3 de septiembre sobre Ceuta Eduardo Parra | EUROPAPRESS
Os marcos. Se hai algo que en Galicia se respecta son os marcos, e poucas persoas suscitan tanto reproche social como quen lle move os marcos ao veciño a sabendas. Non fai falla lembrar a cantidade de liortas que o leve desprazamento dun marco provocou ao longo do país, moitas veces descubertos porque baixo a pedra cravada no chan que sinalaba o linde dunha terra o seu propietario enterrara un anaco de tella ou de carbón.
Nin recordar o número de litixios polos lindes que chegaban e chegan aos xulgados, agora máis fáciles de solucionar coa xeolocalización e o SIGPAC (Sistema de información geográfica de parcelas agrícolas), e que se resolven dentro dun sistema legal que considera delito a usurpación da propiedade e garante o respecto ás sentenzas co exercicio do monopolio do poder polo Estado.
Ao corpo de normas, principios e costumes que regulan a relación entre Estados soberanos chamámoslle, desde que Bentham así o bautizase, dereito internacional. O seu desenvolmento en regras e principios, particularmente intenso tras a Segunda Guerra Mundial, contribuíu a evitar máis dun conflito armado. Pero a diferenza do dereito interno dos Estados, o dereito internacional non conta co respaldo de instrumentos coercitivos (unha policía e un sistema de tribunais de xustiza) que garantan o seu cumprimento, nin sequera do que non son máis que meras recomendacións aprobadas pola ONU.
A súa efectividade repousa, guste ou non, na vontade de respectalas polos Estados. Unha simple ollada aos titulares da prensa nos últimos tempos dá conta de como o declive do dereito internacional trae malas consecuencias. O mantemento da estabilidade internacional tivo moito que ver co respecto ao seu principio da intanxibilidade das fronteiras, polo que calquera cambio das arbitrariamente establecidas tras a segunda gran guerra e os procesos de descolonización só pode facerse de mutuo acordo das partes implicadas e nunca unilateralmente e pola forza. A invasión de Ucraína, a crecente ocupación de Cisxordania, as declaracións de Trump sobre Groenlandia ou a reaparición na axenda das illas Malvinas e o estreito de Magallanes demostran que algúns xa non respectan os marcos e queren movelos. Como no Sáhara Occidental ou Ceuta.
Sabemos en Galicia que, en ausencia de normas coercibles, o respecto aos marcos depende da vontade dos veciños. Se fitos e mollóns son respectados por todos, a convivencia é doada. Pero basta con que un se poña a mover os marcos para que o conflito estoure. Entón só a firmeza e a forza dos que teñen a razón do seu lado pode facer prevalecer o dereito. Cando os lindes se desacralizan invocar ao deus Terminus non adoita funcionar. Foi Lakoff quen estendeu, metafóricamente, o termo «marco» ao ámbito mental. Trátase de estruturas inconscientes que actúan na mente antes de poñer en marcha o razoamento analítico. O pasado xoves o presidente Sánchez compareceu no Congreso para dar a súa versión «dos feitos acaecidos en Ceuta desde o pasado 30 de xullo». Non quixo recoñecer que hai un veciño que nos quere mover os marcos. O marco que apareceu foi o mental. Antes de saír camiño do Pazo de San Jerónimo elixiu unha garabata, ollo, de cor verde. Foi o inconsciente que lle trouxo á mente, no canto dun elefante, ao veciño de bandeiras verdes.
(0)Comments