Ceuta é España e isto non admite matices, nin silencios, nin ambigüidades. Por iso, a entrada masiva de decenas de miles de persoas este verán non pode despacharse como un episodio máis da política migratoria. Foi unha invasión nunha fronteira española e puxo a proba a capacidade do Estado para protexer os seus cidadáns. E a conclusión é clara: cando falla a fronteira, falla o Estado.
Pedro Sánchez non pode limitarse a defenderse; ten que dar explicacións, ten que aclarar que sabía o Goberno e desde cando o sabía. As declaracións de distintos membros do Executivo abriron unha preocupante contradición sobre as alertas previas e a información da que dispoñían os servizos do Estado. Se houbo advertencias, por que non se actuou coa anticipación necesaria? E se non as houbo, por que responsables do propio Goberno sostiveron o contrario?
Desgraciadamente, non parece que esteamos ante un feito illado. Nos últimos anos vimos demasiadas veces como o Goberno de Sánchez chega tarde ás crises e dedica despois máis esforzos a xustificar a súa actuación que a asumir responsabilidades. Está claro que Pedro Sánchez está máis pendente de garantir a súa supervivencia parlamentaria que de solucionar os problemas dos cidadáns.
Coñezo ben Ceuta, xa que tiven a oportunidade de visitar en varias ocasións a cidade autónoma e de compartir momentos e responsabilidades institucionais co seu presidente, Juan Vivas. Por iso podo afirmar que a súa actitude nestes momentos difíciles responde a unha maneira de entender a política baseada na serenidade e no sentido de Estado.
Vivas defendeu os ceutís sen alimentar a confrontación; reclamoulle ao Goberno de España os medios e as respostas que corresponden e foi claro ao sinalar que o ocorrido podería terse evitado. Juan Vivas demostrou que se pode defender a fronteira e a convivencia desde a moderación e a firmeza.
O Partido Popular seguirá reclamando explicacións e responsabilidades. Os españois teñen dereito a saber o que ocorreu, teñen dereito a coñecer toda a verdade. A prioridade do PP é que os ceutís recuperen a normalidade, a seguridade e a prosperidade, algo que a Sánchez e aos seus socios non lles importa.
Ceuta non pide privilexios. Pide que o Executivo de Sánchez estea á altura. Porque Ceuta e Melilla non son territorios de segunda, son España, e cando se vulnera unha fronteira española o Goberno do noso país ten a obriga de defendela. Ceuta non pode ser a fronteira esquecida. Porque España non pode esquecer a España.
(0)Comments