A bonanza climática leva as persoas de Barbanza-Arousa a seguir desfrutando do sol e do litoral CIPRIÁN RIVAS
A bonanza climática que nos está acompañar neste comezo de setembro con temperaturas altas, escaso vento, océano e ría en calma, despois dunha forte marusía a finais do mes de agosto -consecuencia é a cantidade de argazo saído a praia-, leva as persoas de Barbanza-Arousa a seguir desfrutando do sol e do litoral, sen as aglomeracións dos meses estivais, que entre nós acostumamos ver en singular; non tanto en plural, si se lle fai caso o dito popular de «primeiros de agosto frío no rostro».
Fóronse os turistas para Santiago, Ourense, Puebla de Sanabria, Lugo, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Madrid, León, Burgos, Valladolid, e outros procedentes de Barcelona e doutras provincias e cidades, e con eles as posibilidades de encontrar unha mesa no restaurante favorito ao que se acude en peregrinación case todo ano, sen sufrir as aglomeracións xunto co alboroto e xogos dos nenos, aos que os pais soltan no comedor como se estivesen nunha carballeira, sen civilización á vista para pasmo e molestia dos demais comensais e os propios donos do establecemento. E ninguén di nada, non vaia ser que se considere a quen algo diga, persoa estrafalaria, asocial e o peor de todo, falta de empatía coa infancia ou a nenez. Volveu a cordura.
O clima ten esas cousas: en tempos de calor a mecha prende máis rápido, o xenio sae como un foguete estourando no aire con tanta forza que amedrenta a cans e a gatos, a funcionarios e a políticos, a policías e a soldados, a curas e bispos, a sacristáns e a beatos; menos aos pais daqueles nenos empeñados en meterlle a tranca aos camareiros, afanados en servir dignamente a uns comensais testemuñas dese zafarrancho que os proxenitores ignoran.
(0)Comments