PEPA LOSADA
Vánsenos indo unha estación tras outra e os anos nun suspiro. Sexamos pragmáticos: o bo é ilo contando e aínda que sexan un ciclo infinito, mentres nos deixen vivámolos como se fosen novidade, sorpresa. Nunca perdamos capacidade propia de aprender nin a curiosidade para observar e facer constar, como dixo Juan Ramón Jiménez do outono, que aínda «nunha decadencia de fermosura, a vida íspese e resplandece a excelsitude da súa verdade divina». É atrevido, pode parecer un exercicio escolar, escribir unhas liñas sobre o outono, no que andamos a piques de entrar, porque a literatura xa deixou ditas as mais fermosas palabras. Ángel González: «Pasou un anxo que se chamaba luz, ou lume, ou vida. E perdémolo para sempre». Está todo escrito, ben escrito, das cores que van do laranxa ao amarelo e a algún vermello, que non é moi propio destes lares, non sendo, por que non dicilo, o dos froitos dos desdeñados estripos. Non acae repetir metáforas arredor da caída das follas e de como morren integrándose no chan. Miguel Hernández díxoo mellor: «Xa o outono engurra o seu tule de follaxe sobre o solo e nun voo repentino, a noite atropela a luz». Nin deses matices da cor que adiviñan con acerto tempos de decrepitude. Por moito que Albert Camus dixese, cunha certa conmiseración, con piedade, que neste tempo cada folla é unha flor. Tampouco é posible, nin estaría de moda, mellorar descricións melancólicas. E non hai maneira de entender orixinal as referencia ás colleitas ou ás froitas en sazón, aínda que o pracer de arrincar unha mazá da árbore e comela con parsimonia, gozando do zume, sexa un xeito de eternidade. Rilke pedíalle ao outono: «Fai que sazonen os últimos froitos; concédelles dous días máis de sur, úrxelles a súa madurez e mete no viño espeso a derradeira dozura». Estes días mornos dos setembros, agradables e silenciosos, príncipes da melancolía, predín cambios e todo nos leva, forzados, a gozar deles como desexou Mario Benedetti: «Aproveitemos o outono antes de que o futuro se conxele e non quede sitio para a beleza porque o futuro se nos volva xeada».
E a todo isto dáseme por opinar que, se cadra, tamén andamos a entrar no outono da nosa cultura. Xa se sabe que as transformacións da Historia obsérvanse con distancia, pero temos que coincidir en que estamos a cambiar de hábitos e a abandonar, inconscientes, a cultura propia extasiados polo suposto fulgor de xeitos de vida alleos. A irrupción de internet, as redes sociais —que, por aquí, hai que ver para deprimirnos ao notar o grao de alfabetización—, e a Intelixencia Artificial, que pode deter o avance mediante a intelixencia natural e codificar —fosilizar— os saberes, están a forzar mudanzas na vida que coñecemos ata agora, polas sendas da despersonalización, da inmediatez, da facilidade, da uniformación, e da ausencia de pensamento crítico. Estoutro día sóubose que as principais empresas de IA compraron ao peso miles de libros vellos para nutrir os seus ordenadores. É coñecida a aversión ás redes sociais de Umberto Eco, escritor e filósofo, falecido en 2016, un dos pensadores máis sobranceiros do século XX. Lembremos as súas palabras: «As redes sociais dan o dereito de falar a lexións de idiotas que primeiro falaban só no bar despois dun vaso de viño, e agora teñen o mesmo dereito a falar que un premio Nobel: é a invasión dos idiotas». Ou cando cualificou Twitter, X, na Universidade de Turín un ano antes de morrer: «Twitter dá dereito de palabra a lexións de imbéciles». E iso que non tivo tempo de coñecer a universalización á carta da IA.
Toda esa mutación do noso xeito de vida pon en perigo a cultura, e, particularmente, o idioma galego. Dicía Ida Vitale no seu poema Outono: «Como na distracción, a palabra precisa que perdes para sempre». Certo é que se non nos defendemos cada un, sen rendernos, nin temos unha Administración Pública solidaria connosco que protexa os nosos idioma e cultura, podemos estar a presenciar o seu outono e o noso, e a perder, nese solpor de lingua e cultura, as palabras precisas que atesouramos. Advertíunolo Álvaro Cunqueiro: a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Por iso pedía que Galicia durase mil primaveras máis. Depende de nós cumprirmos o seu desexo para que, se ben o outono dá paso ao inverno, despois volva alegre a inmensa forza da primavera.
(0)Comments