O vindeiro oito de setembro cúmprese o vinte e dous aniversario do seu pasamento, acontecido na Coruña de 2004. A lembranza dispón para que servidor reproduza aquel artigo que publiquei no mesmo mes en 'Galicia Hoxe'. Que recolle o que segue: 'Manuel María estaba sereno, en súa propia inmortalidade, naquel espazo gótico de San Domingos de Bonaval, onde quizais cantou as súas trobas Bernal de Bonaval. Estaba enriba da sepultura de Ramón Cabanillas e custodiado pola sempre viva Rosalía e polo noso inmorredoiro Castelao, ambos en seus túmulos. Manuel non estaba morto, estaba soñando con rosas brancas e vermellas. Para soñar é preciso o silencio e transmitir con devoción soños de eternidade. Todos os que pasamos por Bonaval tivemos a sensación que no Manuel a morte totalitaria non é posíbel. A súa palabra continúa ceibe, como ese ar e esa auga que flúen en súa escrita. O ar fecundo do espírito e a auga que nos vivifica e nos redime de longas sedes. A palabra de Manuel xa é misterio, que nos guía e ábrenos amenceres luminosos ante tanta orfandade que nos cerca.
A palabra certa e segura de Manuel María faixe esperanza para continuar coidando do mellor da nosa nación. Galiza como descuberta e sempre erixida en seus acentos. Galiza como mansión onde emana o verbo acaparador da nosa identidade, firme e aceso do noso poeta, agrandando cara todos os hemisferios a nosa continuidade como pobo. Nesta ocasión, o pobo da Galiza estaba ao redor de seu poeta nacional, nesa Compostela de pedra e choiva que Manuel amou e, tamén, interpretou serenamente. O pobo galego peregrinou a Santa Isabel de Outeiro de Rei, ofrendando o candor ao poeta da terra mansa e irredenta. Manuel María, o escritor, o humanista, o sempre ben humorado, o transixente, o reconciliador, o benfeitor, o hospitalario, o xeneroso. En todos estes atributos teremos sempre en quen apelar, cando abrimos os seus libros e dialoguemos co noso enorme mestre. El estará en vangarda, como sempre, parapetado nas trincheira defensivas do noso idioma, da nosa cultura e da nosa idiosincrasia. En Manuel María a renuncia non foi posíbel. Non é posíbel renunciar á icona das referencias. Tampouco nós non renunciamos ao camiño por el trazado, o da certeza e da esperanza. Non caben atallos nin desandadas para redimir a nosa Matria. A palabra ceibe de Manuel seguirá descubríndonos os perfís da Galiza que outros ocultan. A que el soñou e continúa soñando para que un día acordemos do noso soño e recollamos o seu exemplo para erguer o facho da dignidade e da liberdade de tódolos irmandiños, celebremos festa grande ao redor do noso irmandiño maior, o escritor Manuel María'.
(0)Comments