As Administracións Públicas non son patrimonio de quen ocupa temporalmente un cargo. Son estruturas creadas para servir á cidadanía e nunca deberan ser instrumentos dun partido político, nin mecanismos para protexer intereses particulares, afinidades persoais ou corporativas.
O sucedido nos centros educativos de Ribadeo durante os últimos cursos permite formular preguntas que merecen unha resposta.
Durante o curso 2024/2025, vinte familias presentamos unha denuncia extensa e documentada sobre determinadas actuacións dunha docente que, ao noso xuízo, afectaban á calidade do ensino e ao benestar emocional e físico do alumnado. Isto, ademais, non é unha situación ocasional senón que se leva repetindo de forma continuada durante moitos anos e é de sobra coñecida tanto no centro como fóra del.
As familias só puideron coñecer o contido do expediente iniciado tras a denuncia grazas á actuación da Valedora do Pobo, quen conseguiu, despois de dous requirimentos á Consellaría, ter acceso aos informes elaborados pola profesora e por quen era entón Director do centro. Habería moito que comentar dos extractos que se nos achegan de ambos os dous informes, porque non teñen desperdicio, pero imos deixalo na transcrición literal dun deles: 'O director do centro educativo comunicoulle [a Inspección] que non había constancia de ningunha queixa sobre esta docente nos catro cursos que el leva exercendo a dirección'.
Resulta difícil entender tal afirmación cando as queixas e preocupacións arredor das actuacións desta profesora transcenden as paredes do centro desde hai anos, polo que cabe preguntarse como é posible que unha situación que vén sendo amplamente coñecida e comentada non deixe constancia formal algunha durante catro cursos de dirección...
Un ano despois aparece o segundo elemento desta historia.
A Consellaría decidiu cambiar a dirección do IES Dionisio Gamallo para o curso seguinte, despois de apenas un ano de mandato de María Ron. Segundo a información que nos chegou ás persoas que formamos o Consello Escolar, o procedemento estaría fundamentado en incumprimentos relacionados coa remisión de documentación e determinadas deficiencias na aplicación de procedementos administrativos e da normativa educativa.
É perfectamente lexítimo que unha Administración esixa ás súas empregadas e empregados públicos o cumprimento rigoroso das súas obrigas e, precisamente por iso, en representación das familias, eu mesma formulei publicamente a contradición que supón que fronte a unha denuncia que afectaba directamente ao benestar do alumnado e respecto da cal non se adoptaron medidas, a Administración promova agora un procedemento extraordinario de revogación por cuestións esencialmente organizativas e administrativas das que, segundo a información da que dispoñemos, non consta prexuízo algún nin para o alumnado nin para o propio centro.
Segundo publicou La Voz de Galicia o 29 de xullo, 'Desde la Consellaría no profundizan en el asunto, pero escuetamente si manifestaron que se trata «dun cese xustificado, que entra dentro das competencias da Dirección Territorial, que conta cun informe acreditado»'.
Pois ben, dentro das competencias da Dirección Territorial tamén debería estar —e, se non fose así, como mínimo debería poñelo en coñecemento de quen corresponda— a atención e resolución das situacións que poidan afectar ao benestar, á seguridade e aos dereitos do alumnado. E aquí é onde resulta difícil non percibir unha manifesta desigualdade na intensidade da resposta administrativa.
Neste sentido, a cuestión da protección do alumnado adquire unha dimensión aínda máis delicada á luz doutro caso coñecido publicamente este verán.
En xullo de 2026 transcendeu que os pais dun alumno de 11 anos de A Mariña presentaran unha denuncia ante a Policía Nacional por uns feitos acontecidos durante unha excursión escolar de fin de curso. Segundo o relato dos pais publicado por La Voz de Galicia, o menor tería sido obrigado ou coaccionado por compañeiros para presenciar e participar en condutas de natureza sexual durante a noite.
Os pais consideran que a resposta recibida non foi acorde coa gravidade dos feitos e, se ben non corresponde neste artigo de opinión determinar responsabilidades penais, que deben ser establecidas polos órganos competentes, si corresponde formular unha serie de preguntas de índole político e administrativo:
Está a Administración educativa comprobando con suficiente rigor como se protexen os menores cando acontecen feitos desta natureza nos centros educativos?
Aplica a Consellaría de Educación os mesmos criterios de protección, investigación, responsabilidade e esixencia a todas as persoas e a todos os centros?
Que criterio utiliza a Administración para decidir cando unha situación merece unha actuación contundente?
E, sobre todo, que criterio utiliza para determinar cando unha situación non merece esa mesma contundencia?
Vaia por diante que isto non vai de atacar á educación pública, ao contrario, vai de defender a educación pública. Non vai de atacar ao profesorado, vai de defender as boas e os bos profesionais que cada día cumpren coa súa responsabilidade. Non vai de atacar á Administración, vai de esixir unha Administración imparcial, responsable, dilixente, exemplar e transparente, porque as institucións están ao servizo do pobo, moito máis aínda cando estamos a falar de persoas menores de idade.
Non estamos ante un problema meramente interno dos centros educativos aos que se refiren estes casos. Estamos ante unha cuestión moito máis profunda: a responsabilidade das Administracións Públicas e os límites do corporativismo institucional. Nos casos dos centros de ensino de Ribadeo, a autoridade parece exercerse con especial contundencia contra determinadas persoas mentres outras situacións moito máis graves reciben unha resposta moito máis débil.
Os cargos públicos non deberan ser premios. Non deberan ser prebendas. Non deberan ser espazos reservados para amigos, compañeiros ou persoas próximas a unha determinada estrutura política.
Unha persoa que ocupa un cargo público deixa de representar unicamente ao seu partido dende o momento en que toma posesión e pasa a representar á institución. Cómpre recordalo. Como cómpre lembrar tamén que as institucións non pertencen a quen as dirixe nin ao partido que goberna: pertencen á cidadanía e deberan estar ao seu servizo. Sempre.
(0)Comments