XA

Xan Lois Cabreira

Os riscos da coraxe face o lume: o alto prezo que pagan os e as bombeiras forestais

Image
O traballo do Bombeiro Forestal á fronte do lume non é broma algunha. Anos e anos cargando co San Bieito de meternos a todos no saco dese 'funcionario' que atopou 'o chope' na administración pública e como ben sabemos nós, ninguén nada agasalla, posto de traballo ningún. Aquí xa houbo quen fixo peonadas, pasou polas precarias e inefables Tragsa e Seaga, as discriminatorias e depreciables empresas privadas do gremio ou os actuais e superprecarizados traballadores das brigadas municipais e mancomunadas. E a función de estar fronte aos incendios do territorio ten custes que nós só pagamos. E ás veces nolo cobran ben caro. Consecuencias na saúde a medio longo prazo, lesións, cicatrices e sustos, moitos sustos, de non contar saír enteiros dela, para moitas veces acabar no oficio por xubilación ou cansancio con moita pena e pouca gloria. Cando estaba a sacar o 'títalo'(dicía un vellaco) na Granxa Escola, o de acabar no dos incendios era algo que xamais pensara, contoume un compañeiro de promoción de Seaga, unha primeira destas historias. Traballando no 2013 no Rosal nun incendio devastador, que descendía veloz por unha ladeira con moito vento do nordés e alta carga de combustible, forzounos sós e illados cubrindo o coche coa motobomba a retirar todo o combustible do redor queimándoo cuneta arriba e regar ao seu redor. Feito isto coas muxicas e lapas enriba, todos para os vehículos e a agardar uns minutos que o lume pasase onde eles estaban. Moita calor e fume, unha escuridade avermellada e a conter todos os nervios por soportar tremenda presión. Pasados os minutos baixa a calor todo ennegrecido e moito, moito fume está en zona queimada, zona segura. Esta contámola pero isto mellor non se repita. Outra, Violeta das brigadas municipais do XIII en Maceda de Trives, en plena efervescencia incendiaria do 2026, dime que estaban a arrefriar unha zona de moita matogueira sen maior perigo até que o vento se enrabietou e avivou o que de primeiras semellaba controlado. E foi sen chegar ao minuto cando o lume medrou e medrou e os envolveu a ela máis ao escudeiro que a acompañaba. E veña a acortinar e difuminar a auga para se protexer para un lado e outro protexéndose unha coa outra envoltas naquela aureola encarnada abafante... Até que se consumiu o combustible e conseguen saír para atrás integras, pero presas da histeria e coas pernas a tremer. Milagre que a mangueira non se queimara e as deixara sen auga na manobra, pero conseguiron saír do inferno e continuar o traballo o resto da xornada que viñan aínda de empezar. En Cualedro no Distrito XIV, Fonso relátanos, naqueles penosos tempos en Tragsa, como conducían a un lumazo onda un parque eólico que aínda non se lle vía trazas de algo fóra do común. E alí baixo a tutela dun axente relaxado en exceso tívoos un bo anaco a velas vir alí parados. Pero non lonxe o incendio comezou a coller forza e corpo e viña cara eles Os compañeiros da helitransportada de Queimadelos en 2022 contan que en Rodeiro un remuíño de lume moi virulento colleunos a case todos co pé cambiado. Mediodía e aínda que o mato era baixo de todo, as correntes ascendentes de ladeira e o medre das temperaturas xerou este fenómeno que se moveu caprichoso, errático. Todos salvo un temerario do grupo ás carreiras na busca de lugar seguro cara ás pistas, sobre a terra. Estes son uns poucos exemplos de moitísimas historias verdadeiras duns traballadores que viven moi ao límite nos incendios forestais. Sabémolo e cando as cousas se retiren pagámolo caro. Moi caro. Débese dar a coñecer á sociedade que os incendios non se andan con 'chiquitas' e obríganos sen excepcións, máis aínda agora, a extremar as precaucións e coidar da nosa integridade coma pobo. Cómpre insistir e concienciar a sociedade galega de que debe interiorizar que estamos rodeados dun problema de grande envergadura que nos implica a todos sen excepción. E as institucións todas e máis concretamente á Xunta de Galicia coma primeira responsable na que tamén se esmero e implique dunha vez por todas cos seus Traballadores da Extinción, sen excepcións. Dotándoos de medios e formación necesarios e imprescindibles. Saldando esa débeda salarial histórica que os invisibiliza e fainos estar nos vértices máis baixo da súa valoración na que asemella ter unha consideración case numérica, coma unhas pezas de quita e pon onde nós si temos claro non sobra ninguén e aínda faltan.
Os riscos da coraxe face o lume: o alto prezo que pagan os e as bombeiras forestais
View on original source
Share
Archive
Like

(0)Comments

 

Related Opinion

A note on cookies

Newshunt uses essential cookies to keep you signed in and to remember your language and country, so the site works the way you expect. With your permission, we'd also like to use analytics cookies to understand how people use Newshunt and improve it over time.

Accepting only affects analytics. To learn more, view our Privacy Policy or Terms & Conditions.