MA

María Canosa

O tempo sen valor e nenos espremidos

Image
Imaxe de arquivo da volta ao cole no colexio público García Barbón de Vigo. M.Moralejo Volven os colexios. Os libros, os horarios, as mochilas. E, con eles, tamén as axendas infantís cheas de cores: inglés, fútbol, música, robótica, natación, deberes... En que momento decidimos que a infancia tiña que ser tan produtiva? Queremos que aprendan idiomas, que fagan deporte, que desenvolvan habilidades, que aproveiten o tempo. Queremos preparalos para o futuro enchéndolles o presente. Que pasa co tempo que non serve? O de mirar pola fiestra, aburrirse, inventar un xogo porque ningún adulto di a que hai que xogar; de berrar cun irmán, de rir con el aos cinco minutos. Tempo de ler un número indeterminado de páxinas, e saír á rúa; visitar unha avoa; pasar unha tarde enteira sen nada que poida anotarse nunha axenda. As pantallas poden ocupar ese espazo que antes deixabamos baleiro. Se non hai actividade, poñemos unha. Se hai silencio, miramos un vídeo. Se aparece o aburrimento, corremos a remedialo. Deberiamos facer o contrario. O aburrimento non é tempo perdido, pode ser o lugar onde nace unha idea. O xogo libre permite decidir, probar, equivocarse, inventar e aprender a estar cos demais sen que ninguén dirixa a partida. Unha sociedade que considera que cada minuto debe ser útil acaba tratando a infancia como unha carreira de fondo. Deberiamos deixarlles horas que non leven a ningures, baleiras, das que non producen nada. Das que, precisamente por iso, poden producir todo. Medrar tamén é aprender que facer cando ninguén che di que facer.
O tempo sen valor e nenos espremidos
View on original source
Share
Archive
Like

(0)Comments

 

Related Opinion

A note on cookies

Newshunt uses essential cookies to keep you signed in and to remember your language and country, so the site works the way you expect. With your permission, we'd also like to use analytics cookies to understand how people use Newshunt and improve it over time.

Accepting only affects analytics. To learn more, view our Privacy Policy or Terms & Conditions.