Abonda con dicir que é o santuario do interior ourensán por antonomasia, chegando a súa histórica influenza ao sur de Lugo pero tamén ao sur leste de Pontevedra e, máis lonxe, mesmo até o N. de Portugal. Nestes días en que se celebra a xuntanza anual arredor do santuario do monte Medo, por mor do novenario que iniciado o día de san Ramón Nonato o 30 de agosto conclúe o sete, luns, día en que sae esta columna de arte e cultura. Aboia na miña memoria a devoción que lle tiña Emilio, un meu compañeiro, máis novo, que xa se foi cara o outro lado do espello, mais mentres o lembro o Lethes, río do esquecemento, non actúa. Polo demais, el era máis do Arnoia... Lémbrome do ano en que con Félix Montenegro, máis vello, profesor de debuxo e colega, natural do antigo reino de León, peregrinarmos dende Ourense cun algún alumno común, subindo cara Paderne antes do solpor para Baños de Molgas, onde descansar os pés, e sentir no corpo e mente a milenaria captación de augas termais da capital do concello do santuario. Sempre camiñando pola pola beira das estradas, e chegar esgotados e felices pola mañanciña á primeira misa.
Unha das capelas devocionais.
|
La Región
Ábrese deste xeito este glorioso mes mariano na Sede Auriense (Virxe dos Remedios en Ourense e o Castro de Caldelas, a Peregrina de Barrán, Piñor; a da Saleta, Cea, por citar algunhas das advocacións...). Teño ido moitas máis veces cun amigo, a súa familia e amigos -unha tradición neles-, dende Allariz, aínda de noite, para irmos pasando polo santuario de Vilar de Frores, onde almorzábamos antes do amencer cuns agasalladores amigos seus, e continuar por pequenas estradas até a vía do tren, cruzando o viaduto sobre o Arnoia preto de Molgas, e da estación, chegando á vila, onde nunha cafetaría collíamos pulo para acometer a subida cara o santuario, dende a que os vellotes do grupo parecían reverdecer subindo diante para chegar logo todos xuntos á gran explanada, cumprir cos ritos de xeito privado, e escoitar a misa de doce, sempre para nós tan solemne. Xa logo quedaba despedirmos tras compartir mesa e mantel nun dos comedores ambulantes que adoitan acampar alí nestes días. Noutra mesa estaban os Amigos do camiño da Vía da Prata. Trala despedida, eu collía ás veces o bus, para baixar con outros peregrinos e devotos, e xa dende as Lagoas, barrio das aforas de Ourense, facía os derradeiros metros andando até o domicilio. E así era o sábado anterior, que todos tiñamos que traballar pola semana, que agora podemos escoller día e poder desfrutar sen presas do camiño e santuario. Este, construído ao longo do século XVIII sobre unha ermida anterior, paga a pena desfrutalo dende a linguaxe da arte, co sobranceiro camarín e as pinturas, e subir pasando polas capelas devocionais, ou estacións, do sacro monte, tan semellantes ás de Braga, Portugal. Rexida polos Paúles, que aquí están dende 1869, e fixeron sobranceira igrexa contemporánea e tiveron colexio. O Irmán Elixio Rivas, incardiouse aquí, deixando imorrente pegada na investigación etnográfica, no Museo Devanceiros de artes e oficios rurais. Un lembrar tempos e espazos e amigos.
(0)Comments