FR

Francisco Castro

En plan, como que, LOL

Image
Unha persona mirando o móbil co logo de WhatsApp ao fondo Dado Ruvic | REUTERS Leo un terrible informe que sinala que cada día usamos menos palabras. Publicouse en marzo e na Perspectives on Psychological Science para sinalar que na altura de 2005 cada persoa pronunciaba unha media de 16.000 palabras ao día e que agora andamos polas 11.000 e pouco. É dicir, en 20 anos perdemos unhas 5.000 palabras por día de media. Isto pode parecer un dato sen importancia, pero non o é. O estudo constata que a tendencia é á baixa e que, polo tanto, nos anos vindeiros imos empregar aínda menos verbas. Os responsables do estudo, da Universidade de Missouri-Kansas City e Arizona, coidan que isto se debe aos nosos novos hábitos de comunicación, cada día máis dependentes da pantalla. De feito, os menores de 25 anos acusan máis fortemente isto. Falar, falan, pero a través do WhatsApp e outras redes. Non necesariamente usando frases completas. Non as precisan para dicir o que din. As conclusións do estudo, sendo graves, conectan con outros que afirman que na nosa sociedade, malia a hiperconexión, cada día nos sentimos máis sós. É un paradoxo. Un ten milleiros de amigos nas redes pero non ten con quen tomar unha caña. No caso da mocidade, que segue saíndo de festa, por suposto, non ten xa entre os seus hábitos de ocio quedar con amigos. Cando quedan, quedan. Pero non ten xa a forza que tiña para os que somos doutras xeracións. O ser humano, se algo é, é logos, é dicir, 'palabra'. Que esteamos perdendo as palabras, deixando de usalas, ten consecuencias cognitivas, sociais e, por suposto, tamén políticas. No seu 1984, George Orwell explicaba que un dos mecanismos que tiña o Grande Irmán para controlar á xente era sacarlle de dentro do cerebro as palabras, que usaran poucas. Había unha neolingua para que as cousas se dixesen con poucas palabras. E iso é grave. Dixo Wittgenstein: «Os límites da miña linguaxe son os límites do meu mundo». Ou o que é o mesmo: que se non falo, que se non sei falar, a miña comprensión do mundo estréitase tanto que chega un intre no que non entendo nada. A lectura do informe é devastadora, aínda que non sorprendente. Cada día nos atopamos con persoas, incluso algunhas que deberían facer da lingua unha das súas armas brillantes (falo dos políticos) amosando un dominio da linguaxe básica, moi limitada. Á vez, as redes sociais énchense de xente que escribe con faltas de ortografía e sen coñecer as normas mínimas da gramática. E non só a rapazada. Canda vez hai máis adultos que cando queren explicar algo teñen que usar termos como en plan. Recoñezo que cada vez que escoito a expresión férveme o sangue. Imos quedando mudiños. Ou o que é o mesmo: imos perdendo a nosa condición de humanos.
En plan, como que, LOL
View on original source
Share
Archive
Like

(0)Comments

 

Related Opinion

A note on cookies

Newshunt uses essential cookies to keep you signed in and to remember your language and country, so the site works the way you expect. With your permission, we'd also like to use analytics cookies to understand how people use Newshunt and improve it over time.

Accepting only affects analytics. To learn more, view our Privacy Policy or Terms & Conditions.