Vin hai uns días un video publicado por este xornal sobre uns acontecementos deplorábeis nas rúas do centro o día 2. Uns convocan aos cidadáns a se concentrar diante dos concellos para..., e aquí comezan as miñas dúbidas, manifestar: 1: solidariedade cos ceutís; 2: solidariedade cos inmigrantes en estado de necesidade en territorio estraño en busca de vida mellor; 3: amosar condolencias pola gran desgraza dos que morreron intentando á desesperada cruzar unha fronteira; 4: amosar discrepancias co goberno central; 5 : non amosar discrepancias co goberno da cidade autónoma de Ceuta que non está alí de paso, e ten as súas responsabilidades... Bon, entenda eu ou non entenda, considere atinado ou non, teñan unha finalidade espuria ou lexítima, o caso é que semellaba que se concentraban con certa orde cidadá.
Ao mesmo tempo, un outro grupo de cidadáns sen convocatoria coñecida (dos primeiros existiu unha difundida coa siglas do PP) querían manifestar o seu apoio a unha política legal e humanitaria de integración e solución das entradas masivas que se produciron en Ceuta a fins de xullo. Nada que obxectar. Tamén podemos valorar a súa oportunidade como fixeron os nacionalistas e partidos da esquerda que acordaron non se mover de casa. O que dá pena de nós mesmos como sociedade é presenciar a provocación, insultos desaforados, berros de alimaña que proferían algunhas persoas fronte aos segundos manifestantes que citamos; deixan quedar en moi mal lugar a algúns espécimes do xénero humano. Tal era así que a impresión que daba na primeira vista é que a/as persoa/s que así se conducían estaban fóra de lugar, é dicer, erraron de sitio, de día, de hora, de país e de ocasión. Finalmente, El Progreso, moi acertadamente, retirou da primeira plana aquel espectáculo deplorábel antes de que poidera ser atribuído a calquera organización con marchamo democrático. Non obstante, para desgraza da democracia presente non era un feito illado atribuíbel a entolecidas.
Xornalistas en exercicio da súa función víronse atacados/as e defendidos/as pola policía polo só feito de ser dun medio de comunicación previamente marcado. Isto é, hai quen se dedica a polvorear (estender pólvora cunha mecha nun incendio) sinalando persoas, medios de comunicación, manifestacións e opinións non acordes co pensamento dos que lle tarda en chegar o momento de gobernar, xa que consideran que teñen dereito por riba dos demais para exerceren tal función. Houbo alguén que no exercicio da oposición parlamentaria pasou de afirmar que gañara as eleccións a esixir novas eleccións, nunha pirueta supostamente democrática pero desde logo non razoábel nen lexítima.
A responsabilidade dos partidos políticos que son a base da democracia está directamente reflectida no exercicio que fan en cada posición que ocupan a respeito do goberno. É moi importante saber gobernar e tamén ten bastante importancia saber facer oposición, xa que o espello de quen goberna é a oposición, non o seu depredador. Xa hai tempo en que deixamos atrás o feudalismo e daquela —ben ou mal visto— existían prácticas de acceso ao poder despois de eliminar ao contrario. Iso é pasado, ou estamos de volta?
(0)Comments