Imaxe de arquivo da volta ao cole no CEIP Cruceiro de Canido, en Ferrol JOSE PARDO
Como todos os inicios de curso, as novas destacan o incremento dos gastos que as familias teñen que afrontar para escolarizar os rapaces. Este año cífrase en 415 euros a volta ao cole, 2,65 % máis có ano pasado, e inclúe o custo dos libros de texto, material escolar, tecnoloxía, uniforme, matrículas… Por suposto que é un desembolso importante para os pais, pero tamén hai que ter en conta que estas datas préstanse, coma outras típicas ao longo do ano, a un consumismo exacerbado, que debe ser aproveitado para educar aos fillos nunha racionalización do gasto. Hai tres causas principais polas que se incrementa demasiado o custo do inicio de curso. Primeira, por obsesionarse con adquirir determinadas marcas, debido á presión publicitaria, da que son vítimas, non só os pais, senón tamén os rapaces. Segunda, por querer que os fillos sexan, polo menos, iguais que os demais e, polo tanto, aínda que supoña un malgaste, hai que lles comprar a roupa ou materiais da mesma categoría que teñen os compañeiros.
A terceira causa, moi frecuente, é a falta de planificación á hora de aproveitar o que aínda estea en uso na casa, debido a un medo inxustificado a que os rapaces non estreen todo. Reutilizar libros que xa non precisa o irmán, e tamén mochilas, cadernos, bolígrafos, pinturas e outros materiais a medio gastar, pode reducir moito a factura de setembro e ser aproveitado para educar aos fillos no aforro e consumo responsable. Austeridade non significa renunciar ao necesario, senón a prescindir do superfluo e adaptarse ás dificultades, cando poidan xurdir.
O problema, como case todos os que ten hoxe a educación, está na carencia de valores e de exemplo dos pais. Falta austeridade, autocontrol e solidariedade e sobra consumismo e creación de necesidades. Aínda que haxa familias que se poidan permitir un importante nivel de gasto, cometen un grande erro educativo ao non impedir que os nenos sexan vulnerables á presión irresistible da publicidade e ao acostumalos a un consumo irracional.
Non se debe suplir con regalos a falta de atención aos fillos, nin darlles o que piden para non ter problemas con eles ou por temor á perda do seu cariño, porque entón os valores prioritarios na familia serán os materiais. A carencia destes nalgún momento producirá nos rapaces frustración e incapacidade para se centrar nos valores que si resultan imprecindibles no ámbito académico, como son o esforzo e o traballo intelectual.
(0)Comments