Foi Santa Rosalía, a santa patroa lilaina de Sanxenxo. Celebrouse a Festa da Cebola e, como cada ano por estas datas, os días van encollendo; menos horas de luz. É o aviso de que o outono está á porta. Tamén o turismo comeza a recuar. As terrazas comezan a baleirarse. Os visitantes marchan aos poucos e chegan os de setembro, maioritariamente portugueses. Paséase máis cómodo, menos ruído e máis espazo para falar. Quedamos os de sempre, os que viven aquí todo o ano e os que vimos desde a primavera ata ben entrado o outono.
Nestes días xuntámonos cos residentes máis tempo. E falamos. Este ano hai un tema que aparece en todas as conversas: o turismo. Por partida dobre. Por unha banda, a sensación de que en xullo houbo menos visitantes. Pola outra, a evidencia de que en agosto baixou o consumo na hostalería. Hai pisos que quedaron sen alugar. Bares e restaurantes que traballaron por baixo do habitual. E locais que antes triplicaban mesas e que agora presentan demasiadas cadeiras baleiras. Non é unha impresión exclusiva de Sanxenxo. Os mesmos comentarios, as mesmas queixas, repítense ao longo da costa do Salnés, no Barbanza, na Costa da Morte ou na contorna de Vigo.
Porque pode haber máis xente nas rúas e, con todo, menos consumo. Basta con mirar os carros dos supermercados para comprender que algo está a cambiar. A xente ten cada vez menos diñeiro e, cando o diñeiro non chega, escolle o máis barato; o primeiro que se recorta é o gasto prescindible.
O problema é que levamos anos confundindo turismo con prosperidade. Aquí aparece a gran mentira que levamos anos contándonos: que cantos máis turistas veñan, máis ricos seremos. Non é o mesmo recibir visitantes que xerar riqueza. Tampouco parece razoable depender de mes e medio ou dous meses de actividade para vivir o resto do ano. E moito menos pretender cobrar os mesmos prezos que en Madrid, Málaga ou Marbella. Algo non cadra na ecuación. Hai locais onde unha cervexa pode custar sesenta céntimos máis ou unha copa de viño un euro máis que en Pontevedra e, despois, sorprendémonos porque o turista mira a carteira. Ao final, o visitante tamén fai contas. E, cando non lle saen, cambia de bar, de restaurante ou de destino. "O que vexo este ano é moito turismo de paseo por Silgar, gofre, xeado e sentada na barandilla" — dime Toño, lilaino de toda a vida.
O máis preocupante, con todo, está detrás das mesas baleiras. Estas localidades especializáronse en sectores de baixo valor engadido, principalmente turismo e hostalería. Son actividades necesarias, pero estacionais e, con demasiada frecuencia, precarias. Esta especialización tamén condiciona o mercado laboral e dificulta que a poboación acceda a empregos máis cualificados e mellor remunerados. Durante anos confundimos ocupación con riqueza, terrazas cheas con prosperidade e pisos turísticos con economía. Convertémonos nun territorio especializado en servir ao visitante, mentres unha parte importante da poboación queda atrapada nun mercado laboral de baixa cualificación e baixos salarios.
A consecuencia é unha debilidade estrutural que se manifesta cando as cousas veñen mal dadas. Cando chega unha crise, unha baixada do consumo ou simplemente un cambio nos hábitos turísticos, descubrimos a nosa debilidade. Se unha economía depende excesivamente dun único motor, calquera freada convértese nun problema. Durante anos dixemos que o turismo era a nosa galiña dos ovos de ouro. Talvez chegou o momento de preguntarnos se non empeza a esgotarse. Porque unha galiña pode poñer moitos ovos, pero tamén pode acabar chocando se só lle pedimos que poña máis, máis caros e durante máis tempo.
O turismo non ten por que ser o problema. O problema é facer del a solución para todo.
Ata aquí chegaron as "Crónicas de San Xinés de Padriñán" deste ano; volvemos aos artigos de sempre en PontevedraViva.
Subscríbete á nosa canle de WhatsApp
Recibe as noticias de actualidade directamente no teu móbil. Subscribirse
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade. Activar agora
(0)Comments