Víctor F. Freixanes

A prol do optimismo e a esperanza

Image
O escritor Ramón Otero Pedrayo. RAG Unha das persoas máis pesimistas que coñecín era Ernesto Sábato, o novelista arxentino, autor do informe Nunca más (1984), encargo do presidente Raúl Alfonsín para a clarificación da represión e desaparición de miles de persoas durante a ditadura militar no seu país (1976-1983). Pesimismo case antropolóxico, dunha lucidez demoledora. Visitabámolo algunhas veces Jorge Laforgue e mais eu na súa casa de Santos Lugares e, logo dunhas horas de conversa, analizando o mundo e a condición humana, era difícil repoñerse. Os pesimistas argumentan de tal maneira, con tanta precisión e tanta información, que non é doado argumentar doutro xeito. Historicamente mesmo se cualifica o optimismo como unha fraqueza do espírito, unha inxenuidade, unha limitación da intelixencia diante da evidencia da barbarie. Un vello amigo advertíame estes días da derivada pesimista dos meus últimos artigos en La Voz. O mes de agosto, o mes da Nosa Señora e San Roque, o mes das mil romarías que Daniel Sueiro contabilizou para admiración do mundo, fica abafado polas noticias que chegan decote: Gaza, Líbano, Ucraína, as pateras no Atlántico e no Mediterráneo, o estreito de Ormuz, Donald Trump, Putin, a impotencia de Europa, o empurrón da extrema dereita no mundo, as ameazas de uns e de outros, agora Ceuta… O filósofo marxista Antonio Gramsci dicía que contra o pesimismo da intelixencia, e hai moitas razóns para ese pesimismo, cómpre traballar o optimismo da vontade. Vontade optimista para cambiar as cousas. Non só as grandes cousas, que case sempre están alén de nós, senón moi fundamentalmente as pequenas cousas, empezando mesmo polas máis domésticas: a relación coa compañeira ou compañeiro de vida, a relación coa familia e os fillos, as relacións no traballo, a educación, os veciños… Nas pequenas cousas está a esencia da vida, case diría que a razón primeira da esperanza. Se tivese que escoller agora un optimista, igual que sinalei a Ernesto Sábato na outra extrema escollería a Otero Pedrayo entre nós, don Ramón. Neste caso o optimismo sustentábase na esperanza, unha esperanza inquebrantable no futuro do país (Galicia) e da súa xente, moi especialmente nas novas xeracións, mozos e mozas que de cando en vez ían visitalo á casa de Trasalba ou á rúa da Paz en Ourense. Viña de aturar unha das máis grandes calamidades que se poden padecer: unha guerra feroz, a morte dos compañeiros e amigos, asasinados ou exiliados, a desfeita dos ideais que eran o fundamento da súa vida, a democracia… Mais nunca deixou de avivar a esperanza, que é a semente do futuro, e que cómpre gañar todos os días, tal que propón a vontade de Gramsci. Durante toda a súa vida, co seu comportamento e a súa exemplaridade, Otero Pedrayo sementou esa esperanza. Mesmo cando parece que está todo negro ou case perdido, coa vontade dos seres humanos todo pode mudar.
A prol do optimismo e a esperanza
View on original source
Share
Archive
Like

(0)Comments

 

Related Opinion

A note on cookies

Newshunt uses essential cookies to keep you signed in and to remember your language and country, so the site works the way you expect. With your permission, we'd also like to use analytics cookies to understand how people use Newshunt and improve it over time.

Accepting only affects analytics. To learn more, view our Privacy Policy or Terms & Conditions.