Imaxes do grupo neonazi Núcleo Nacional durante a manifestación de Ceuta en Madrid Violeta Santos Moura | REUTERS
Nas últimas eleccións locais, vin un home con bandeiras ilegais de España e propaganda ultra subido nun cabalo. Pretendía exercer o seu dereito chegando co animal até a mesma mesa. Por sorte, a policía local non o deixou pasar e esa imaxe surrealista, que a moitos lles fixo graza, a min meteume un chisco de medo porque convertía algo tan cívico coma votar nun acto esperpéntico ao que se lle engadiron uns cantos insultos. Aquel incidente non era algo espontáneo porque o individuo viña empurrado por un posible consumo de fanatismo nas redes e creuse no dereito de saltar as normas máis elementais da educación e o respecto. Estes días, ao redor do acontecido en Ceuta, volvín ver moitas persoas coma ese xinete apocalíptico e sentín un arrepío de medo e vergonza cando as vin insultando, ameazando, acosando e mesmo agredindo xornalistas que querían facer o seu traballo.
Doéronme tamén as imaxes de Palencia cando un grupo de manifestantes intentaron rebentar o concerto de Tanxugueiras con berros e proclamas mesmo contra Galicia e as artistas polo feito de cantaren en galego. Por sorte, a música, malia o retraso, impúxose sobre as voces fanáticas. Pero non todo vale. Converter un músico ou xornalista en inimigo é entrar nun terreo moi perigoso. A liberdade de expresión non consiste en que só poidan falar ou cantar quen pensa coma nós; reside en aturar que o outro fale, e si, podes protestar, argumentar, criticar ou anoxarte, pero sen violencia.
E en todo isto hai unha responsabilidade que non podemos canear como é a de certos representantes políticos que non miden as consecuencias desas palabras que alimentan a idea de que todo é unha batalla contra o inimigo e que os xornalistas ou os mesmos músicos son propagandistas que hai que humillar. Non, estes son límites que unha sociedade democrática nunca debería cruzar. Hai que dicilo alto antes de que sexa demasiado tarde. Se non, non tardaremos en ver máis cabalos diante das urnas.
(0)Comments