Opinión | Que din as rumorosas?
Carmen Villar
Fotograma do filme «Rebuilding» / FDV
Hai moitos anos, cando a civilización aínda non chegara a todos os recunchos, os fogares manifestábanse en casas de tellados aguzados, triangulares e vermellos, con portas de media folla que nunca se pechaban con chave e nas que descansaban os brazos dos veciños cando se asomaban ao mundo, comunidade e contorna en diálogo permanente. Completaban o decorado fiestras pequenas, pero tan fondas que a luz podía perderse no seu interior.
Os fogares que eu coñecía, eses que tiñan chemineas desexosas de debuxar fíos de fume contra o azul do horizonte, non se movían. Permanecían ben aferrados ao chan e a furia dos ríos que podían despegalos do seu destino eran vistas con receo e temor. Entón esa calidade, aferrarse, parecíame innegociábel: só os lugares ben ancorados podían protexernos da dispersión, de deixármonos disgregar en cinzas para sermos arrastrados polo vento.
O seu era sermos igual ca as casas: enterrarmos ben os pés na terra para non saírmos voando detrás dos que nos confiaran as chaves e marcharan na procura de oportunidades a lugares nos que seguramente os fogares fosen moi semellantes, pero non nosos.
Nesa orde do mundo gobernada por unha lei da gravidade que rexía no noso vencello atávico ao clan, o lume que agora lles anuncia a carballos e a castiñeiros que xa nunca terán a oportunidade de presumir de centenarios era só un fascinante e nervioso bailarín encerrado con celo na cociña de leña que acovardaba as xeadas e acurtaba os invernos.
Aínda era cedo para entender, porque os nenos non saben de pasados nin de futuros máis que o que len nos contos e nos libros de historia, que os imperios se erguen sobre o medo, pero ás vidas ocórrelles o contrario: constrúense sobre os afectos, e é posible erixilas de novo a partir dese punto de apoio. As paredes erguidas con apertas e solidariedade constitúen un refuxio para refacer todo o que rompe, dende as ás aos silencios.
Noticias relacionadas y más
Esa é tamén a certeira ensinanza de «Rebuilding», unha desas xoias coas que de cando en vez nos agasalla a sétima arte envoltas en papel de estraza e atadas cun vimbio. Pero isto non é unha crítica de cinema, senón unha mensaxe de azos que quere chegar ata as vítimas da auga ou dos lumes ou de calquera desmán da nai natureza que demostre que os fogares son tan vulnerábeis diante da desafección do clima coma o noso corpo espido. E quen renegue do cambio climático, que probe a camiñar descalzo sobre brasas.
Suscríbete para seguir leyendo
(0)Comments